Saturday 18 de May de 2024

Inés Rey sinala que a Feira do Libro da Coruña é “un dos eventos máis importantes da literatura en Galicia”


A alcaldesa presidiu o acto de inauguración, que contou con Dores Tembras como pregoeira

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu o acto de inauguración da Feira do Libro, que contou coa escritora e poeta Dores Tembras como pregoeira. Este certame supón o inicio oficial das Festas de María Pita 2023, que estarán marcadas por un gran número de actos culturais durante o mes de agosto.

“Esta Feira, con máis de medio século de historia, é un dos eventos máis importantes, senón o que máis, da literatura en Galicia porque achega á Coruña o maior talento literario do momento”, sinalou Inés Rey durante o acto celebrado nos Xardíns de Méndez Núñez.

“Un compromiso coa cultura e en especial coa lectura que dende o Concello da Coruña temos moi claro e potenciamos a través da nosa magnífica rede de bibliotecas públicas e promovendo medidas como os bonos cultura que tanto axudaron aos nosos libreiros e libreiras” engadiu.

Desde hoxe e ata o 10 de agosto máis de 100 autores e autoras pasarán pola Feira do Libro. Haberá dous espazos onde se levarán a cabo as actividades e 32 casetas, dúas máis que o ano pasado. Nesta edición participarán un total de 13 librarías da cidade, nove librarías de fóra, nove editoriais e unha distribuidora de libros.

A Feira do Libro da Coruña estará nos Xardíns de Méndez Núñez ata o 10 de agosto, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 21.30 horas. Haberá un 10 % de desconto en todos os exemplares para os clientes.